Os destinos máis atractivos para o verán de 2026
22 de July 2026

Nestas viaxes, non é tanto o destino o que importa, senón a forma en que consegue conquistarte. Algúns lugares fano cunha luz única; outros, con paisaxes que semellan desafiar a imaxinación, con sabores que só cobran sentido canda o mar ou con esa capacidade de facer que o tempo deixe de importar.

Este verán, hai catro destinos que dominaron a arte da sedución, cada un á súa maneira. Ibiza, Cádiz, La Palma e Ayamonte comparten máis ca o privilexio de estaren rodeados dalgunhas das paraxes máis fermosas de España: posúen unha personalidade imposible de imitar. Porque a verdadeira sedución non consiste en presumir das mellores virtudes dun lugar, senón en facer que queiras volver de alí antes sequera de marchar.

 

A illa que desafía calquera definición

 

O máis sedutor de Ibiza é que sempre escapa a calquera etiqueta. É sofisticada e salvaxe, apracible e vibrante, antiga e profundamente contemporánea. Mentres o mundo a asocia coa música e o lecer nocturno, a illa segue acollendo algunhas das paisaxes máis delicadas do Mediterráneo e unha forma de entender a vida na que a beleza agroma cando menos o esperas.

Pode ser a tranquilidade que envolve as rúas empedradas de Dalt Vila ao amencer, cando os muros renacentistas semellan flutuar sobre o mar. Ou a creatividade que impregna os obradoiros dos seus artistas, os seus mercados ao aire libre e a elegancia relaxada da moda Adlib, nacida aquí como unha declaración de liberdade. Pero tamén hai unha Ibiza profundamente arraigada nas súas tradicións: as igrexas brancas que salpican o campo, os xacotes pageses e o ball pagès, manifestacións nas que a illa nos lembra que a súa identidade vai moito máis alá da súa sona internacional.

Basta con ollar cara ao mar para comprender por que Ibiza continúa a fascinar o mundo. Agochado baixo as súas augas atópase un dos seus maiores tesouros: os bosques submarinos de Posidonia oceanica no Parque Natural de Ses Salines, un ecosistema milenario que filtra a auga ata facela cristalina e transforma as súas calas nese mosaico de tons azuis imposibles polo que a illa é célebre. Navegar pola costa, descubrir pequenas calas ocultas ou contemplar a silueta magnética de Es Vedrà ao solpor son experiencias que revelan unha Ibiza serena e íntima, profundamente conectada co Mediterráneo.

E é precisamente esta capacidade de cambiar de ritmo sen perder xamais a súa esencia o que fai de Ibiza un destino verdadeiramente único. Unha illa onde o patrimonio, a natureza, a creatividade e o mar conviven nunha harmonía difícil de atopar en calquera outro lugar.

Situado no alto de Dalt Vila, o novo Parador de Ibiza ofrece unha atalaia privilexiada para descubrir a vertente máis auténtica da illa. Albergado no antigo Castelo da Almudaina, entre vestixios arqueolóxicos, arte contemporánea e séculos de historia, convida a contemplar a contorna desde unha perspectiva única. Porque desde aquí, ao abeiro destas murallas declaradas Patrimonio da Humanidade, Ibiza deixa de ser meramente un destino e convértese nunha experiencia inesquecible.

 

Un verán que sabe a sal, brasas e solpores interminables

 

As praias de Cádiz non son simplemente lugares aos que se vai; en Cádiz, os areais e o mar constitúen un xeito de vida.

Aquí, o Atlántico é o gran fío condutor de todo canto acontece. Establece o compás das mareas, determina a cor do ceo, abastece os mercados de peixe a cada amencer e, inevitablemente, acaba na mesa. Porque poucas provincias poden presumir de que a súa paisaxe e a súa gastronomía falen exactamente a mesma lingua.

Esa conexión imprégnao todo. Percíbese na maneira en que a cidade respira no verán, en como a luz transforma as fachadas e en como o tempo parece demorarse cando o océano está preto. E é aquí onde te decatas de que esta costa non é só unha sucesión de praias, senón o propio Atlántico mudando de forma ao longo do litoral.

Por exemplo, na Caleta, o mar adéntrase no barrio e convértese case nun espazo íntimo, acubillado entre castelos que o conteñen sen domalo. En Bolonia, a area elévase monumental baixo unha duna que semella desprazarse co vento. En Zahara de los Atunes, o horizonte ábrese ata perder toda noción de escala. Na Barrosa, a luz suaviza o encontro entre as familias e o mar, e no Palmar, o día alárgase ata fundirse na última onda do solpor.

Pero en Cádiz, o mar tamén se saborea. Atún vermello capturado coa arte da almadraba, cortado cunha precisión case cerimonial; tortas de camaróns, lixeiras e crocantes coma o propio Atlántico; e peixe frito, sinxelo e sen pretensións. Unha cociña que non precisa reinterpretación porque nace exactamente onde debe nacer: fronte ao mar.

E entre o areal e a mesa, a cidade continúa revelando o seu carácter. As prazas cobran vida, o casco histórico lembra a súa condición de ser unha das cidades máis antigas do mundo occidental, e o verán prolóngase en faladoiros que semellan non ter fin. E cando o día comeza a declinar, Cádiz acada o seu momento máis hipnótico. O Atlántico convértese nun espello, a catedral destaca coma un faro dourado e toda a cidade semella suspendida nunha luz cálida que todo o envolve.

Desde o Parador de Cádiz, ese intre é realmente especial. O rumor do mar acompaña as habitacións, as terrazas, a piscina e o spa, transformando cada solpor nunha experiencia na que a cidade, o ceo e a auga deixan de ser elementos separados para fusionarse nunha paisaxe única e continua.

 

A illa onde a Terra aínda crea beleza

 

Na illa de La Palma, os volcáns continúan a modelar a paisaxe, as fragas de loureiro conservan o aspecto que Europa tiña hai millóns de anos, e as montañas érguense sobre un mar de nubes que converte cada miradoiro nun balcón suspendido sobre o Atlántico.

Camiñar pola Caldera de Taburiente é percorrer xeoloxía viva, con cantís volcánicos de centos de metros de altitude, fervenzas ocultas e bosques de piñeiros que resistiron o lume durante séculos, convertendo cada sendeiro nunha inmersión nunha natureza que nunca deixou de evolucionar. Logo agarda Los Tilos, un dos bosques de laurisilva mellor conservadas do planeta. Aquí o aire é húmido, denso, case estático, e o silencio posúe unha textura propia. Fieitos xigantes, troncos cubertos de musgo e unha vexetación exuberante crean a sensación de camiñar por un tempo anterior á propia humanidade.

E cando cae a noite, a illa ofrece o seu espectáculo supremo. Desde o Roque de los Muchachos, baixo un dos ceos máis limpos do planeta, o universo amósase cunha claridade case imposible; as estrelas deixan de ser un fondo para se converteren nunha paisaxe por dereito propio. En poucos lugares é tan doado comprender por que a chamaron La Isla Bonita. Poderiamos resumilo dicindo, simplemente, que a natureza, cando se lle permite, segue a ser capaz de xerar a beleza máis pura por si mesma.

É precisamente este sentimento o que define o Parador de La Palma, onde a paisaxe ten continuidade. Agochado entre a quietude do val e a présa do Atlántico, o Parador convértese nun miradoiro privilexiado desde o que a illa non é meramente un destino, senón unha experiencia que segue a respirar en nós moito despois de poñer o punto e final á viaxe.

 

A fronteira máis fermosa

 

En Ayamonte, o río Guadiana non marca unha fronteira, senón un punto de encontro. Nunha marxe, as fachadas encaladas dunha das vilas máis fermosas do sur; na outra, os primeiros pobos portugueses. No medio, unha paisaxe de marismas, luz atlántica e embarcacións que leva séculos demostrando que a auga une moito máis do que divide.

A vila conserva a elegante serenidade das vilas brancas de Andalucía. Rúas luminosas, prazas bulideiras, igrexas que se erguen sobre os tellados e antigas casas de indianos que lembran o seu pasado mariñeiro e comercial.

Pero Ayamonte non remata no río. A poucos minutos, a costa muda de carácter e o Atlántico reaparece con toda a súa forza nos areais de Isla Canela e Punta del Moral. Quilómetros de area fina, dunas suaves e un mar que aquí se volve máis pracible, idóneo para a vela e os deportes náuticos.

E entón fítanos o Parador de Ayamonte asomado sobre a desembocadura do Guadiana. Desde as súas terrazas, o río desprégase coma un escenario real, con pequenas embarcacións cruzando o estuario e unha fronteira debuxada máis pola luz que pola propia xeografía.

Conta cunha piscina orientada cara a ese mesmo horizonte, onde non se busca unha sensación de infinito perfecto, senón a de estarmos nun lugar concreto do mundo no que ás veces hai vento, ás veces silencio, pero onde a auga e as vistas seguen a ser as protagonistas absolutas.

E quizais por iso, inserido entre o río, o mar e a raia fronteiriza, Ayamonte figura por dereito propio entre os destinos máis atractivos do verán de 2026.

DEIXA QUE OS PARADORES TE SEDUZAN